CRTVG

Buscar

O caderno de Isabel

A raia, os percebes e o filloazo de Caión, na Laracha

27/11/2018 23:15 h

Caión é o destino de Isabel, polo que as receitas van estar moi pegadas aos produtos do mar. Esta parroquia da Laracha, a única que sae cara ao mar, ofrece a raia, un peixe moi abundante no seu momento e que se prepara en caldeirada. Tamén bos percebes, grazas ao bater do mar nas rochas. Aquí cociñábanse con cachelos, cocidos na propia auga do mar e, quen o diría, non eran nada apreciados e eran coñecidos como “a comida dos pobres”.
Isabel Prada non pasará por alto outras receitas menos pegadas ao mundo do mar e cociñará o fiollazo ou freixó, que formaban o compango cando xa o caldo se quedaba sen fabas e sen patacas. Ese fiollazo consiste nunha comida moi enerxética, xa que leva touciño no medio dunha filloa con moita masa e mesmo azucre. Tanto en Caión coma no resto do concello da Laracha xa non é moi cociñado, cando se fai é para lembrar tempos pasados, en que se comía a diario.
Ademais, vemos os característicos que son os hórreos da Laracha a través dun gran coñecedor da zona. Son máis grandes e máis anchos que os do sur de Galicia porque as colleitas nesta comarca de Bergantiños eran moi xenerosas. 
Finalmente, Isabel convoca os veciños no complexo rural Costa Caión para degustar os pratos cociñados por eles e gozar así das mellores vistas que forma esta curiosa península adentrada no Atlántico.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: