CRTVG

Buscar

Os maiores lembran a escola nun documental que se presenta en Oza

17/05/2019 15:09 h

Imprescindible neste día falarmos de memoria, a de tantas e tantos que nunca puideron deixar as súas lembranzas por escrito na lingua propia porque na infancia da posguerra ir á escola era superfluo.. Ese patrimonio inmaterial da memoria dos nosos maiores é o fío do documental Buenosdíastengausté que este serán presenta en Carballo a Asociación Medioambiental Senda Nova co apoio da Deputación da Coruña. A escola de mediados do século XX por Terra de Soneira e Bergantiños.

O centro social de Oza onde os maiores da parroquia carballesa van a ximnasia ocupa agora o lugar dunha antiga escola. Estoutra segue en pé pero con nova vida. Acolle desde hai uns anos a Escola Ambiental da Asociación Senda Nova, promotora das Historias de Inverno, iniciativa coa que recollen e catalogan algo tan precioso como a memoria. Levan 5 anos percorrendo, cámara en ristre, as Terras de Soneira e Bergantiños colleitando lembranzas,... a vida que foi e nunca volverá que atesouran os nosos maiores.

Para Xosé Menéndez, de Senda Nova, temos que agradecerlles aos maiores este exercicio de memoria polo que aprendemos neste documental do patrimonio inmaterial das parroquias de Bergantiños e Soneira, non só polo que contan senón tamén polo vocabulario que empregan. 

Froito de centos de horas de conversa polas parroquias, o ano pasado presentaron Hoxe quen baila?, documental cos recordos dos que eran rapaces na posguerra e no franquismo sobre as festas da bisbarra, recollidos nos faladoiros. Este ano repiten e presentan, co gallo das Letras Galegas, Bueosdíastengausté, patrimonio inmaterial que nos traslada ás escolas de mediados do século vinte e lles vai desvelar á maioría de rapaces asistentes as que tiveron que pasar os seus avós para aprender catro letras.

Xosé e Darío cóntannos experiencias como os castigos físicos da mestra cunha regra ou os paus na casa. Xosé era o mañoso da escola á que Darío apenas puido ir dosu meses escasos na súa vida, aos seis anos. 

Un ronsel de recordos, emocionantes todos, que nos enriquece só escoitándoos. Eran anos nos que a letra con sangue entraba e só uns poucos ían á escola con regularidade, antes de poñerse a traballar ao xornal, algúns, como Darío, aos seis anos. Daquela non había transporte e voaban polas corredoiras cara á escola, chovera ou xeara, a maioría cunha froita no peto como galdrumada para o recreo. Quen non a tiña, pasaba sen ela ou agardaba a aqueles restos do Plan Marshall americano, cunha pinga de leite nos recreos. Morriñas de tempos non mellores, sen xenreira, e do que puido ter sido. 

Darío conta que sempre botou en falta os estudos orque cando lle ensinaban instruccións el puña de excusa que non vía ben. Xosé asegura que a el sempre lle tería gustado estudar música.

Agora, de xubilados, miran con tenrura e mesmo envexa os netos... e marabíllanse de como eles puideron pasar pola vida sen letras.


O documental recolle as lembranzas dunha época na que o rural tiña máis escolas e máis cativada que hoxe en día, en que nenos de doce anos lles aprendían aos de seis, un tempo no que se permitían os castigos físicos e as humillacións de mestres que creaban "grupos de torpes" para os menos espelidos. A antiga escola de Oza vivirá un serán emocionante, co orgullo de seguir espallando o rico pozo de patrimonio inmaterial que son os nosos maiores.  

 

 

 

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: