CRTVG

Buscar

Grandes lugares

Baldráns, Amoroce e Samertolameu

10/01/2018 23:15 h

O programa visita as aldeas de Baldráns, no concello pontevedrés de Tui; Amoroce, no concello ourensán de Celanova, e Samertolameu, no concello pontevedrés de Moaña. 
Baldráns é unha parroquia do concello de Tui bañada polo Miño, un territorio verde con abundante patrimonio. A historia deste territorio é extensa, e hai alguén que a coñece moi ben: Antonio, o cronista de Baldráns e tamén o propietario dunha granxa de perdices. Ademais, coñecemos a horta de Alfredo, un auténtico exemplo de amor pola terra.

Amoroce é unha aldea do concello ourensán de Celanova, un gran lugar de mámoas e menhires, creativo e orixinal, con veciños auténticos e únicos. Alí, atopamos a Martín, que fai maxia coas estrugas; a Carolina, unha auténtica autoridade virtual, e tamén a Carme, que combina técnicas artesanais e principios científicos para devolver á vida obxectos de interese histórico. Esta é terra de emigrantes, de veciños que, desde o século XIX, se abriron camiño ao longo e ancho dos catro puntos cardinais na procura dunha vida mellor, pero sempre desexando volver, e Antonio é un bo exemplo.

Na parroquia de Meira, no concello pontevedrés de Moaña, é onde se atopa Samertolameu. Hai medio século era unha illa pero hoxe é unha península que aínda conserva a beleza dun espazo inexplorado que mantén viva a súa historia. Alí, o equipo do programa fai remo, proba ovos fritidos con pan de millo e coñece a Pepe e a Jesús, artesáns do vimbio.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: