CRTVG

Buscar

Feito en Galicia

Humor para o Nadal

25/12/2014 22:00 h

Que ocorre se xuntamos oito cómicos galegos con Roberto Vilar nun grande estudio de televisión sen saber moi ben que veñen facer? Pois o que pasa é “Feito en Galicia”, un formato de televisión en que grandes humoristas galegos e showmans emerxentes poñen a proba as súas dotes para a comedia. Os cómicos deste programa especial son Paula Carballeira, Pepe Capelán, Patricia Vázquez, Isi, David Noya, Isabel Risco e dous novos talentos, Lucho Luchiño e Vítor Bascoy, campión e subcampión respectivamente do talent show de humoritas “Os Aspirantes”. 

 

“Feito en Galicia” preséntase en forma de gran xogo que enfronta dous grupos rivais, cada un composto por catro cómicos. Desde o principio, as referencias a xogos infantís clásicos e populares serán claras, dotando así ao formato dun orixinal sinal de identidade. 

 

O programa comezarán cun xogo para decidir os integrantes de cada grupo: o popular “Ouro e prata”, a través do cal os capitáns elixirán un a un os membros do seu equipo. Unha vez conformados os dous grupos, comezarán as probas, xogos que crearán situacións moi divertidas para o espectador e que porán a proba a habilidade e o talento destes humoristas para facer rir, á vez que intentarán sumar puntos para o seu equipo.

 

Unha das singularidades do programa é que ao longo das diferentes probas os vencedores non van sumar puntos, senón porcións, xa que en “Feito en Galicia” só hai unha figura máis relevante que Roberto Vilar e esa é a pita do programa porque ela vai ser quen decida que equipo gaña. Por cada proba gañada, o equipo vitorioso recibirá unha porción de comida para a pita: cebada, trigo, millo, pan, tortilla, churrasco, lambetadas, verzas, mexillóns… Cada equipo acumulará porcións de comida que servirán para persuadir a galiña á hora de decantarse polo equipo vencedor.

 

Os xogos en que terán que competir os dous grupos, e que lles permitirá sumar puntos/porcións, combinan divertidos sketchs con diferentes probas de carácter cómico, que van proporcionar dúas horas de risos aseguradas. Ao final do programa o equipo perdedor recibirá o castigo máis acorde coa filosofía do xogo: os cómicos derrotados serán emplumados nun divertido momento final que mestura a alegría dun fin de festa con quilos de plumas.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: