CRTVG

Buscar

De quen vés sendo?

De festa

02/02/2014 15:30 h

O programa “De quen vés sendo?” terá hoxe un carácter absolutamente festivo. A festa é algo tan propio de Galicia que a levamos ata nos nomes. Hai referencias a ela nos nosos carnés e en apelidos que agochan toda a alegría desta terra.

O espazo da TVG comezará a súa viaxe no Carril, onde descubrirá que os xigantes e cabezudos tamén teñen nomes e coñecerá os encargados de velar por eles, así como a quen os baila e aos que poñen a música, todos eles cheos de alcumes. Pero será Héctor Silveiro, de Vilafranca do Bierzo, e cun apelido moi galego, quen dea os detalles.

A inqueda presentadora, Marta Doviro, quedará con ganas de baile e irá a Vilanfesta, en San Cristovo de Cea. Alí, sabedora de que o topónimo non ten nada que ver coa troula, empeñarase en por a danzar os poucos veciños que quedan na aldea.

Xa en Vigo, os espectadores coñecerán a Juan Cristo de la Victoria, que leva o nome dunha das festas máis importantes da cidade. O programa tamén se achegará á Feira do Libro con Ledicia Costas, escritora e avogada, coa que Doviro emprenderá toda unha batalla poética. A presentadora rematará a xornada en Gondomar, onde se xuntará á charanga Vai de Baile.

Ademais, o programa saberá de quen vén sendo a xente de Ribeira, un concello moi mariñeiro e festeiro, e coñecerá a José Bailón, a quen, ao contrario do que semella dicir o seu apelido, non lle gusta nada moverse ao son da música.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: