Nestes momentos de incerteza económica, hai oficios de sempre que seguen a funcionar ou, se cadra, traballan máis ca nunca porque ofrecen prezos competitivos. Do mesmo xeito, moitos son quen de sobrepoñerse aos tempos difíciles que lles tocan vivir. Son sobreviventes, capaces de sortear calquera contratempo. “Actualizad@s”, que remata a segunda tempada, vai na procura destas persoas, exemplos moi actuais de como pórlle “ao mal tempo boa cara”.
De apertar o cinto saben moito os ferroláns Cuadrado Dorrio. Javier e Mar teñen que facer números todos os meses para cubrir as necesidades dos seus dez fillos. Os reporteiros do programa achéganse a Ferrol para compartir vida cotiá con esta familia numerosa afeita a adaptarse a calquera circunstancia. Ademais, visitan o taller da Asociación de axuda ao enfermo psíquico Lenda, onde os usuarios restauran mobles vellos. Desde que comezou a crise, traballan arreo porque cada vez son máis os que deciden darlle unha segunda oportunidade ás cadeiras, armarios ou mesas herdadas dos avós.
Lino ten un taller en Salvaterra pero vive en Padróns, Ponteareas. Todas as mañás, de camiño ao traballo, recolle o coche dalgún veciño para facerlle o mantemento. É o seu particular “servizo a domicilio” que nos últimos tempos medrou de xeito considerable porque a xente busca o mellor prezo nos centros de reparación “non oficiais”. “Actualizad@s” comparte vida cotiá con este mecánico e tamén con Emilio Muñíz, un técnico de reparacións de Pontevedra especializado no arranxo de televisións e aparellos de son.
O programa complétase co día a día de Danilo Baptista, un pastor protestante de orixe uruguaia que chegou á Coruña hai dous anos. Pola súa tenda de segunda man, situada no barrio Agra do Orzán, pasan a diario xentes de diversa nacionalidade para mercar roupa a bo prezo.
