CRTVG

Buscar

A vida do mercado

Cap. 13. A praza de abastos de Lugo (21/04/2012)

21/04/2012 15:30 h

    O  percorrido pola praza de Lugo revelaranos que, probablemente, é a praza de Galicia que mellor garda a esencia do que foron as prazas de abastos na súa orixe, debido fundamentalmente a que todos os martes e venres chegan a ela os labregos da contorna para vender os seus produtos da temporada, o que lle confire un aspecto moi próximo ao que foron sempre as feiras das zonas rurais galegas.

    Por iso, para saber cales son as sensacións que transmite un mercado coas súas primeiras motivacións intactas, o programa toma como guía o escritor lucense Isidro Novo, cando vai comprar un botelo ao posto de María Lolo, unha carnicería onde destacan os produtos máis tradicionais de Lugo, como o devandito botelo ou a Androia do Courel. O escritor contaranos a súa estreita relación con esta praza e María explicaranos en que consisten estes dous produtos e tamén como preparalos.

    Entre os labregos que acoden á praza están Mariano Parga, que se dedica á venda de plantío, sendo o seu produto estrela o pemento de Arnoia, que nos contará a relación da súa familia coa praza, inaugurada por súa nai cando tiña tan só 12 anos. Entre os vendedores que acoden só os martes e venres atopamos a María Luísa López, que monta un posto de venda de pan ecolóxico, explicándonos que é, nin máis nin menos, que pan do país de toda a vida.


     Entre os establecementos que salpican a contorna da praza está o taller do único afiador de coitelos que queda en Lugo, o de Enrique Sequeiros, que o abriu seu pai en 1967 e entón, debido á súa sona, encargábase de afiar os bisturís de todos os hospitais do norte de España; coñeceremos a Pilar López, que ten un posto parecido aos tradicionais ultramarinos dedicado só ao produto galego, e o posto especializado de queixo de María Luísa Arias, que nos explicará as diferenzas entre o queixo artesanal e os de fábrica.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: