CRTVG

Buscar

A Solaina de verán

A Solaina de verán. Programa 69 (30/09/2011)

30/09/2011 17:30 h

Os presentadores Sonia López e Ricardo Pardo despedirán esta tarde a última edición do programa “A Solaina de Verán”, que a partir do vindeiro luns comezará unha nova tempada con novos contidos, novas seccións e tamén novos condutores. Os espectadores da Televisión de Galicia poderán coñecer xa hoxe os presentadores que a partir da semana que vén se ocuparán do magazine das tardes da Galega.

 Nesta última edición do espazo de verán, establecerase conexión en directo coa localidade lucense de Lourenzá, onde durante esta fin de semana se celebrará a XXI Festa da faba, un legume moi apreciado que xa se exporta a mercados nacionais como o de Madrid e Barcelona. No evento, declarado de Interese Turístico Galego, combínanse a exaltación gastronómica e a celebración de actividades lúdicas e culturais. Da man da presidenta do Consello Regulador de Indicación Protexida Faba de Lourenzá, Gemma Iglesias, os espectadores coñecerán as calidades e excelencias deste produto; mentres que os hostaleiros locais explicarán os segredos da súa preparación.

 Por outro lado, na véspera de que se cumpran 64 anos do seu nacemento, “A Solaina de Verán” lembrará a Andrés do Barro, o músico que instalou o pop cantado en galego no número un de vendas nacional, un fito aínda non superado. Pepe Capelán interpretará a súa particular versión de “O Tren”, a canción que o lanzou á fama.

 As predicións meteorolóxicas de Santiago Pemán para unha fin de semana que se presenta máis cálida do habitual para esta época do ano, e a actuación do Dúo Millenium, un dos participantes no concurso “Recantos” do programa “Luar” completan as propostas da última “Solaina” do verán.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: