“A Solaina” comeza as vacacións de verán, pero antes de despedirse da súa audiencia por esta tempada, o magazine ofrece unha edición especial en que se lembrarán os mellores momentos dos presentadores, dos colaboradores e do equipo do programa. O espazo da TVG reune os seus colaboradores habituais, como Xacobe Pérez, Tonhito de Poi, Isabel Risco, Sonia López, Felicia, Pepe Capelán, Alejandro Macías e Santiago Pemán, entre outros, para dedicarlles aos espectadores unha versión moi particular da canción “Un raio de sol”.
Por outro lado, “A Solaina” tómalle o pulso ao verán galego cunha visita en directo á localidade pontevedresa de Sanxenxo, un dos lugares máis cobizados para pasar as vacacións. Alí reúnese con algúns dos espectadores máis fieis do programa, que comentan a súa experiencia e a súa opinión sobre o magazine das tardes da Galega.
Na despedida desta tempada, o espazo presentado por Beatriz Majón e Sevi Martínez conta cunha actuación estelar de Los Vivancos, que, tras levar o seu espectáculo “7 hermanos” por 30 países e bailar fronte preto dun millón de espectadores, regresan a España para presentar a súa segunda produción, “Aeternum”, un espectáculo que explora os límites do paranormal, unha historia sobre o ben e o mal que fusiona o baile flamenco co balé, as artes marciais, o claque e a maxia.
Ademais, lembran o seu paso por “A Solaina” os protagonistas doutros espazos da Televisión de Galicia como “Bamboleo”, “O Clan dos Impostores” e “Padre Casares”.
