CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 90: "Sicilia"

21/03/2015 22:30 h

O equipo do programa “Galegos no Mundo” aterra hoxe na maior illa do Mediterráneo, Sicilia, que conserva moito do seu encanto tradicional, cunha gran parte da súa poboación dedicándose aos oficios tradicionais. Ademais, o carácter insular fai que a nivel cultural, social e económico, manteña particularidades propias distintas da Italia continental. Palermo, Catania e Siracusa son as súas cidades máis importantes.

En Sicilia, o espazo da TVG citarase coa coruñesa Inés Aguiar, unha licenciada en Dereito que, mentres non atopa traballo do seu, está en Italia coidando nenos e aprendendo o idioma. Con ela, os espectadores verán o máis importante de Siracusa, especialmente a catedral e a praza de Arquímedes.

“Galegos no Mundo” tamén coñecerá a capital de Sicilia, a fermosa e decadente Palermo, da man de Ángel Guisano, un ferrolán de 27 anos que está na cidade facendo prácticas nunha ONG desde hai uns meses; e da lucense Cristina Conde, unha apaixonada da música que atopou traballo en Sicilia como directora financeira.

A illa de Sicilia está coroada polo Etna, un volcán en activo que ten en vilo a cidade que está aos seus pés, Catania, onde traballa a ferrolá Beatriz Santiago desde hai tres anos. Pola súa parte, Laura Lois, unha estudante de Dereito procedente de Ortigueira, amosará un auténtico mercado siciliano para coñecer o produto local e saber algo máis dos seus costumes.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: