CRTVG

Buscar

Casa de comidas

Programa 9

21/01/2018 23:45 h

O Mesón Os Muíños, en Ponte Goián (Boiro), iniciou a súa actividade no ano 1977 e está situado nun antigo muíño que data do ano 1745. A súa cociña é sinxela, permanecendo fieis ao tradicional. As súas principais especialidades son o churrasco, as luras e o polbo. Este último produto elaboranno ao estilo oriental: con humus, queixo, calabacín, tomate cherri e pementa.

O Bar Ludeiro, en Castrelo de Miño, abriu as súas portas na década dos anos 60 do século pasado. Na actualidade está rexentado pola filla da fundadora, quen, cando comezou co negocio, ía a pescar as anguías, prato polo que é coñecido este establecemento. Os seus clientes son esencialmente as xentes do concello, se ben os fins de semana atéigase de persoas procedentes de diferentes cidades galegas. Ademais das anguías, outras especialidades son as ameixas e a fideuá con polbo.

Casa Sánchez, en Rodeiro, leva ofrecendo comidas desde hai 40 anos. Inicialmente funcionaba como un bar-restaurante na metade do local, mentres que na outra metade había un taller mecánico. No ano 1992 o pai dos actuais propietarios decidiu pechar o taller e ampliar o negocio ao que é hoxe en día. O ano pasado recibiron o premio “Toda unha vida dedicada á cociña galega” nos Premios de Gastronomía de Galicia, que anualmente se celebran en Lalín. Elaboran unha cociña de sempre, aínda que tratando de incorporar pequenas innovacións. As súas principais especialidades son o arroz con lumbrigante e diversos pratos en que o produto principal é o porco.

O Hotel O Cebreiro, situado nesta singular vila da Montaña luguesa. Aínda non conta con dúas décadas de vida, pero conserva o mesmo estilo da cociña que se facía na hospedería San Giraldo de Aurillac, casa reitoral dos curas desta parroquia. De feito quen a puxo en marcha como tal foi o gran estudoso do Camiño de Santiago, Elías Valiña, que tamén foi quen sinalou este itinerario coas xa famosas frechas amarelas. A súa sobriña, Pilar Armesto Valiña, que traballou con el na hospedería é quen rexenta o Hotel O Cebreiro, establecemento frecuentado por multitude de peregrinos e de xentes chegadas de diferentes puntos de Galicia e outras comunidades limítrofes para degustar a súa excelente cociña caseira, en que sobresae, entre outros pratos, o cocido.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: