CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 89: Bordeos

14/03/2015 22:30 h

O programa “Galegos no Mundo” visita esta semana Bordeos. Situada ao suroeste de Francia, é a quinta cidade do país galo e foi unha importante urbe do Imperio Romano, coñecida como “a pequena Roma francesa”. Capital da rexión da Aquitania, pola que se estenden os seus viñedos e chateaux, o conxunto histórico de Bordeos está considerado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Tania Álvarez recibe o equipo de “Galegos no Mundo” en Bordeos cando se atopa no seu sétimo mes de embarazo. Con esta profesora de español, os espectadores coñecerán algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade, como a praza da Bolsa e o Espello da Auga.

Con Fidel Besada, un informático que leva dous anos na cidade francesa, o equipo do programa visitará a zona de praias máis visitada polos bordeleses: a baía de Arcachón; mentres que Ruth López, que chegou desde Vigo para traballar como enfermeira, amosará lugares como a Grosse Cloche e o antigo anfiteatro romano.

Os dous últimos protagonistas desta noite serán senllos propietarios de restaurantes. Unha delas é Luli Ponte, que leva 34 anos en Bordeos e que cada día lles serve a comida aos centos de estudantes que pasan polo seu establecemento. Pola súa parte, Luís Sánchez amosará o barrio de Saint Michel e, por suposto, o seu restaurante, onde se reúnen moitos dos galegos da cidade.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: