CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 83: "Vancouver"

28/10/2014 23:15 h

O equipo do programa “Galegos no Mundo” desprazarase esta semana á cidade canadense de Vancouver. Considerada unha das urbes con mellor calidade de vida do mundo, é un lugar tranquilo pero de contrastes: nel pódense ver desde xente en bikini na praia ata cumios de montañas nevados. Vancouver, cidade cosmopolita que conta cunha poboación hispanofalante de máis de 10.000 persoas, é tamén unha das máis caras do mundo e a terceira en produción de filmes a nivel global.

Un dos galegos en Vancouver co que hoxe falará o espazo da TVG é o xornalista das Pontes Roberto García, que chegou coa intención de practicar inglés e que traballa nun colexio para estudantes internacionais. Con el, os espectadores coñecerán o xardín chinés do Dr. Sun Yat-Sen e a Davie Street, o barrio gay.

“Galegos no Mundo” tamén se atopará na cidade canadense con Gotchi Piñeiro, que marchou para Vancouver ao rematar a carreira e que acompañará os reporteiros do programa a ver os tótems do Stanley Park; e con Daniel A. Ponte, da Lama, que traballa como enxeñeiro nunha empresa de eficiencia enerxética e que amosará os cumios de Whistler, onde tiveron lugar os Xogos Olímpicos de Inverno de 2010.

Outras das protagonistas da noite serán Beatriz Pascual, unha arquitecta da Coruña que chegou polo traballo do seu home e acabou traballando na mesma empresa ca el; e Anaïs Martín, que marchou a Vancouver por amor e que traballa como enfermeira. Con esta amante da natureza, “Galegos no Mundo” achegarase ao Lynn Cannyon Park e a Gastown.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: