CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 81: "Tánxer"

14/10/2014 23:15 h

O programa “Galegos no Mundo” porá hoxe rumbo á cidade marroquí de Tánxer, historicamente unha praza moi importante a nivel estratéxico, xa que estivo baixo o dominio de moitos países ata que finalmente pasou a formar parte de Marrocos. Durante a segunda guerra mundial, foi un niño de espías e comerciantes, atraídos pola neutralidade da cidade. Máis tarde foron escritores e artistas variados os que se deixaron seducir pola beleza da súa arquitectura, da súa medina e do seu zoco.

En Tánxer o espazo da TVG coñecerá a Miguel Romero, de Narón, que se viu obrigado pola crise a deixar Galicia e a buscar oportunidades de negocio fóra. Con el o equipo do programa visitará a espectacular zona do Cabo Espartel e dará un paseo en camelo pola praia.

Outros dos protagonistas desta noite serán a ourensá Ana Belén Caride, que leva tres anos en Marrocos, a onde foi co seu home a montar un taller de costura porque era máis competitivo; e Martín Castiñeiras, de Pontecesures, que dirixe unha empresa metalúrxica en Tánxer e que amosará a mestura do mundo árabe coa pegada que deixaron os españois durante o protectorado.

“Galegos no Mundo” tamén estará hoxe co arcebispo de Tánxer desde hai sete anos, Santiago Agrelo, natural de Rianxo, a onde sempre regresa para oficiar unha misa o día da Guadalupe, e con Mari Carmen Couceiro, que chegou desde A Coruña por amor e que acabou vivindo en Tánxer, onde traballa no sector téxtil.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: