CRTVG

Buscar

Casa de comidas

Programa 7

07/01/2018

O restaurante Xanxo, da Pobra do Caramiñal, abriu as súas portas o ano 1979. Inicialmente funcionou como un merendeiro. Contaba cun salón comedor que se convertía nun lugar propicio para facer festas, xa que moitos dos seus clientes levaban guitarras e poñíanse a cantar. O local está situado nunha casa de aldea con máis de 300 anos que sufriu diversas reformas. Ten un patio interior, cuberto por unha parra, en que tamén serven comidas. As súas especialidades principais son as empanadas (de millo e trigo), peixes, mariscos e xarrete guisado en tarteira.

A Centoleira, de Bueu, caracterízase polos seus guisos mariñeiros, os mexillóns, o arroz con lumbrigante e os peixes de rocha. A casa fundouse no ano 1884 polos bisavós do actual propietario, Xulio, que abandonou a súa profesión como arquitecto para seguir coa tradición familiar. A mediados dos anos 60 do século pasado, coincidindo co “boom” turístico, a nai de Xulio, fundou o hostal-restaurante “La Vizcaína”, que cambiou de nome para pasar a chamarse “A Centoleira” a comezos dos anos 80.

O Mesón do Labrego, da Merca, iniciou a súa andaina no ano 1968 como un bar que era “un refuxio de artistiñas”, en palabras dos actuais responsables. Os encargados de abrila foron o avó, pai, nai e tío de Moncho, quen se encarga dunha carnicería que teñen no local anexo ao mesón. Na actualidade conviven a segunda e a terceira xeración. Cociñan en forno de leña e as súas principais especialidades son o cordeiro asado e o becerro.

Casa Varela, de Begonte,  fundouse na década dos 40 do século XX. Nun primeiro momento funcionou como un ultramarinos que foi evolucionando ata ser o que é hoxe. Na actualidade está rexentado pola terceira xeración da saga que puxo en marcha o negocio. Daniel, biólogo reconvertido a hostaleiro, xunto coa súa muller, son os encargados de seguir adiante co proxecto. Fixeron unha reforma hai pouco máis de dous anos, pero seguen a conservar a cociña de leña tradicional, na que aínda preparan algúns pratos. Son coñecidos polo seu cocido, mais non teñen unha especialidade específica.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: