CRTVG

Buscar

Un nome, unha rúa

Programa 25: Rúa da Paz, Ourense

02/08/2015 20:15 h

Esta semana a protagonista de “Un nome, unha rúa” será a rúa da Paz, localizada na zona vella da cidade de Ourense. Sergio Pazos e o seu fiel compañeiro Zospa adentaranse no máis profundo dos recantos de Ourense e amosarán unha rúa que, a pesar do seu pequeno tamaño, alberga unha historia moi importante. Historia que recolle Arturo Vispo na súa obra “Crónicas dunha rúa”. Tanto Sergio coma Zospa terán a oportunidade de falar con el para ampliar un pouco máis a información da rúa. 

 

O nome de rúa da Paz vén dado polo tratado de paz asinado en Vergara que puxo fin á Primeira Guerra Carlista. Este nome veu substituír o antigo rúa dos Zapateiros. O percorrido comezará na praza de Santa Eufemia, a única onde conflúen dúas catedrais: a eclesiástica e a do jazz. A primeira parada será no Café Latino, unha sala que leva 25 anos acollendo estrelas de todo o mundo. 

 

A cultura asoma por esta rúa, xa que nela conflúen teatro e literatura. O recuncho máis importante da Rúa da Paz é o Teatro Principal de Ourense, un edificio que data de 1830 e que foi rehabilitado cara a finais dos 80, unha parada de por si obrigada. Pero tamén conflúe literatura porque nela conviviron autores vinculados á Xeración Nós. Otero Pedrayo, Vicente Risco, Xaquín Lourenzo ou Blanco Amor son algúns dos nomes da nosa literatura que moraron nesta rúa. 

 

A gastronomía tamén está vixente neste punto da capital das Burgas. Sergio terá a oportunidade de comer un menú no café El Bohemio, un local “estilo Praga”, e para a sobremesa, Sergio irá comer uns cupcakes e varias galdrumadas. Una vez a comida estea rematada, toca unha ruta polo gremio dos zapateiros, xa que esta rúa foi a escollida na Idade Media polos fabricantes de zapatos para facer os seus labores, de aí o a súa antiga nomenclatura. 

Obviamente, non faltará o concurso de preguntas sobre a rúa e unha actuación musical como colofón final, que desta vez correrá a cargo da famosa Coral de Ruada. 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: