CRTVG

Buscar

Vivan as tardes!

Programa 129

15/05/2018 18:40 h

Manuel emigra con 18 anos a Suiza para buscar unha vida mellor e no 94 volta a Galicia para estar preto da familia. Aquí ponse a traballar como taxista, profesión na que xa leva preto de 10 anos. Ademais, é un afeccionado a facer tallas de madeira con anacos que atopa tirados.

Anxo e Roi son dous irmáns que non superan os 18 anos e xa tocan máis dunha ducia de instrumentos musicais. Comezando polo acordeón, pasando as cordas das guitarras, logo polos instrumentos de vento, coma a gaita, e rematando na percusión.. A explicación hai que buscala, ademais da súa capacidade innata, no apelido que teñen, Xesteira. O seu pai, Xaquín Xesteira, é fundador de Treixadura, a súa nai é músico profesional e a súa avoa profesora de piano. Na súa casa hai medio cento de instrumentos.

Carlos fai o mesmo que desde hai moitos anos facían seu pai, o seu avó e bisavó. Seleccionar, escoller produtos galegos de calidade e ofrecerllos ao consumidor. A súa familia facíao dende Lugo visitando feiras de toda Galicia onde mercaban producións locais que logo revendían fora e el faino desde Secretos de Galicia, un paraugas con presenza física e virtual que pon en valor, agrupa e distribúe produtos de obradoiros artesáns de toda Galicia.

Por último, está no programa Soledad, que naceu no Uruguai e dende a infancia está vencellada aos contos e ás historias. Dos contos que lle contaba a súa avoa pronto pasou a contalos ela. Hai case 20 anos chega a Galicia, onde se namora da terra e da súa actual parella. Aquí impulsa o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que este ano cumpriu a súa sexta edición. Soledad vén acompañada por Ana Paula, coa que comparte amizade.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: