CRTVG

Buscar

Vaia troula

Programa 113: Desde a romaría da Nosa Señora da Lanzada

30/08/2015 22:30 h

 

Esta noite, a festa e a diversión están garantidas na Galega. O equipo de “Vaia Troula”, o programa máis festeiro da televisión, viaxa ao concello de Sanxenxo para darlle a benvida aos telespectadores dende a romaría da Nosa Señora da Lanzada. Unha festa cargada de tradición e devoción en que as ancestrais danzas en homenaxe á Virxe son un dos maiores atractivos. 

 

Pero as reporteiras do programa non paran quedas, e trasladaranse ás troulas máis salientables de Galicia. María Carballeira achegarase ata Meira, en Lugo, para amosar os festexos da Malla, unha celebración que sempre vai acompañada dun bo cocido para todos os asistentes. 

 

A compañeira Fátima Mella estará tamén en Lugo, pero no concello de Foz para participar na festa Normanda, onde se vai producir un espectacular desembarco na praia. E dunha troula que cada ano acolle milleiros de persoas a outra. As cámaras de “Vaia Troula” estarán nas festas de Noia, onde fan unha degustación de empanadas máis sabedeiras. 

 

Tampouco hai que esquecer a famosísima Festa da Istoria de Ribadavia. O equipo tamén retrocederá no tempo ata o medievo para gozar da troula. O programa festeiro continúa no Entroido de verán de Cariño e no descenso humorístico do río Landro en Viveiro. 

 

Pero por se fose pouca festa, o programa tamén estará na celebración da Virxe do Carme de Pincheiros, na Pobra do Caramiñal, nos festexos de verán da cidade de Ferrol e nas celebracións patronais do concello de Curtis. Todo isto, sen esquecer as actuacións dos mellores grupos e orquestras de Galicia. 

Atopar capítulo por: