CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

Mogor, Coto e Lombiña-Cabío

06/07/2019 19:20 h

‘Aquí Hai Praia’ continua amosando os fermosos areais galegos, percorrendo as tres provincias costeiras e misturando sol, area, camping, deporte, lecer e por suposto, as vivencias e aventuras dos protagonistas do programa: os ‘praieiros’.

Neste ocasión, o espazo viaxa ata a península do Morrazo para coñecer a praia de Mogor, no concello de Marín, unha das favoritas tanto para as persoas desta localidade coma para os pontevedreses e moitos veraneantes de diferentes partes do Estado. Dunha extensión duns 400 metros, esta praia de area refinada, con bandeira azul ondeando, destaca por estar resgardada, bordeada no seu límite sur por un frondoso bosque sobre unha punta rochosa. Ideal para o baño e os deportes acuáticos, conta cunhas rochas marcadas por petróglifos que datan de máis de tres mil anos.

Na zona do Barbanza, na provincia da Coruña, os espectadores descubrirán a praia de Lombiña-Cabío, a máis coñecida e concorrida do concello da Pobra do Caramiñal. En forma de enseada, con base de area de cor branca e protexida, ten unha zona arborizada conformada por un piñeiral que abraza o areal, un dos seus principais atractivos, pois permite pasar todo o día nela refuxiándose do sol nas horas que máis apreta. Non faltan actividades naúticas como o kayak e o paddle surf, así como pescadores que van á centola, á nécora e ao camarón pola contorna.

Finalmente, pasarase de praias máis relaxadas e tranquilas a outra centrada na actividade e os deportes acuáticos, como é o caso da praia de Coto, en Barreiros, que foi exclusiva para mulleres entre os anos 1920 e 1930. É unha magnífica praia de extensas areas brancas, con case dous quilómetros, e nela atópase unha tumba medieval antropomorfa labrada a man nunha das rochas do areal, unha peza funeraria á que se lle atribúe a cualificación de único enterramento medieval mariño conservado. Neste areal, o programa coñecerá visitantes de todas partes do mundo, amantes do surf e do windsurf, ademais das escolas de surf que ofrecen servizos de aluguer e, por suposto, historias dos visitantes da zona, principalmente de Foz, Barreiros e do interior da provincia lucense.

Atopar capítulo por: