CRTVG

Buscar

Ribeiras de salitre

Porto do Berbés

04/09/2016 20:30 h

O Berbés representa como ningún outro porto a alma máis mariñeira de Galicia, especialmente os oficios que en terra se fan para o mar. Neste enclave traballan máis de 5.000 homes e mulleres, que moven preto de 90.000 toneladas de peixe ao ano, facendo deste porto o máis importante de Europa en descarga de peixe. 

Bea Carballo, de formación bióloga, encárgase de coordinar os traballos que se fan na lonxa do marisco do Berbés, a onde chega produto de todos os portos da ría. Andrés Méndez, pola súa parte, traballa na fábrica de xeo, vital neste porto. Andrés leva máis de 30 anos na venda de xeo, desde que se realizaba de xeito manual ata chegar á mecanización de hoxe en día. 

Alguén que coñece ben o Berbés é Loli Hernández. Ela naceu no propio lugar e xa de nena xogaba na praia que existía onde hoxe está a praza Ribeira do Berbés. No programa, Loli cociña e canta para os espectadores. Zoila González encárgase da seguridade dos traballadores do porto como policía portuaria e explica en que consiste o traballo dos cen policías do cadro de persoal. 

Unha das persoas que leva máis anos traballando e vivindo nesta zona é Cholo Torres, que transporta peixe. Ten xa 75 anos e desde moi novo traballa no porto, igual que o fixeron o seu pai e o seu avó e que fan tamén os seus dous fillos.

 “Ribeiras de Salitre” tamén está con José Santos, que traballa con grandes peixes, marraxos, atúns e peixes espada. Santos é escabicheiro e dedícase a limpar e despezar estes grandes animais para preparalos para a venda. 

Atopar capítulo por: