CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

Percebes de rochas ancestrais

18/11/2018 15:45 h

Os 'Pescadores de Historias' van ao encontro dos percebeiros que traballan nas rochas ancestrais da costa de Cariño. Nesta zona, onde se atopan os cantís máis altos de Europa, traballan 60 percebeiros, homes e mulleres que gañan a vida cun esforzo épico, un traballo moi arriscado en que non poden descoidarse nin un segundo, xa que pode ser fatal para as súas vidas.
Aquí traballa desafiando as ondas Juan Carlos Pardo, que ademais é o patrón maior. Conta que o máis peculiar desta zona é que, ao ser de cantís tan pronunciados, non se pode traballar por terra, só por mar.
En Cariño estase a incorporar xente moi nova ao traballo de percebeiro, como é o caso de Eloy Lago, que, xunto a Juan Carlos Pardo, convida o equipo do programa a ver como é o seu traballo nun dos lugares de extracción do percebe máis arriscados de Europa, os Aguillóns do cabo Ortegal, a formación rochosa máis antiga do vello continente.
Gustavo Alonso, un percebeiro con moitos anos de experiencia, fala do enorme orgullo que sente por exercer este oficio e facelo nun lugar onde o traballo é tan complicado. Para el é moito máis ca un oficio, é un xeito de entender e de expresar a vida.
A pesar dos moitos contratempos deste oficio, a xente do mar sabe coma ninguén poñer boa cara ao mal tempo e os 'pescadores de historias' comparten cos protagonistas os bos percebes dos Aguillóns, cociñados no restaurante Áncora por Begoña Pérez.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: