CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Pazos de Borbén

14/01/2017 16:15 h

Aquí Galicia desprázase a Pazos de Borbén, na provincia de Pontevedra, que está a celebrar o día grande das súas festas na honra de San Amaro. O programa asiste á preparación do santo para o evento e fala coa comisión de festas desta romaría e mais da do Santo Aparecido, que o concello celebra no verán.  

Ademais, lévanos de paseo polos encantos naturais do concello, como son os ríos, os muíños, e a senda do Barragán, que permite gozar das paraxes que rega o río do mesmo nome e dunha fermosa fraga. Tamén hai montes, miradoiros e o sendeiro de Casqueiros, que discorre paralelo a outro leito de auga. As cámaras do programa tamén visitan algúns dos monumentos e edificacións máis singulares da contorna, coma cruceiros ou igrexas e, por suposto, a chamada senda aqueolóxica de Amoedo, unha ruta de catro quilómetros ao longo da que se poden atopar 88 petróglifos e 22 mámoas. Aquí Galicia tamén visita a Casa de Indianos deste concello cun pasado emigrante.

Pazos de Borbén é, por outra parte, un enclave moi musical e con paixón polo deporte. Coñecemos a Coral Polifónica do Pensionista e a de Santa María de Pazos, o compostor Joaquín “O Xocas” e os compoñentes dos equipos de Fútbol Sala e Fútbol 11 do concello.

No apartado gastronómico, os veciños da parroquia de Nespereira comparten o espírito da Festa do Ovo e tamén hai mesas con cacheira, cocido e torta de albariño, e mais con chulas. Todo isto amenizado coas actuacións de agrupacións locais como a de música tradicional Árdelle o Eixo ou as pandeireteiras Novas Amistades, así como pola Banda de Música de Chapela e a orquestra Saudade. O baile pono o grupo tradicional O Carballo das Cen Pólas, de Redondela; a Escolia de Baile Bambalina, de Vigo, e  César e Eva, unha das mellores parellas de baile de salón da zona.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: