CRTVG

Buscar

Grandes lugares

Partovia, Brocos e Oza

08/10/2017 23:00 h

A TVG visita hoxe as aldeas de Partovia, no concello ourensán do Carballiño; Brocos, no concello pontevedrés de Agolada, e Oza, no coruñés de Teo. 
Partovia é un gran lugar do concello do Carballiño, unha terra balnearia onde se coce moi bo pan e onde todo o mundo ten horta. Coñecemos os viveiros de Partovia e as ocas de Rosa, que poñen os mellores ovos do lugar. O programa tamén charla con Luís, un coleccionista de primeira e fillo de baldeiro. Partovia é tamén un gran lugar termal, xa que alí se agocha un dos centros turísticos do interior máis importantes de Galicia. O balneario histórico das Caldas de Partovia é unha fonte de saúde e de beleza e ao parecer os romanos xa facían uso destas augas. 

 San Miguel de Brocos é unha parroquia do concello pontevedrés de Agolada, un gran lugar que non se entende sen o encoro de Portodemouros. Parte da súa historia quedou mergullada baixo unha lagoa que convive cos veciños integrada na contorna. “Grandes Lugares” comproba que Brocos é terra de flora e de fauna autóctonas. A granxa de polos de Luís e de Esther está lonxe dos curiosos e resgardada da rapina, e o encoro, que destaca na paisaxe deste gran lugar, convértese nun reclamo para os amantes dos deportes acuáticos.

A última visita é a Santa Eulalia de Oza, unha parroquia do concello coruñés de Teo, onde os veciños conviven co rural desde ben nenos. O equipo do programa visita a escola Luscofusco, que recupera a esencia dos colexios rurais, un espazo onde só se escoitan música, risos e vida. Os rapaces de Luscofusco teñen visita obrigada unha vez á semana: a granxa de Juan. Os espectadores coñecen tamén a bodega de Fernando, en que é máis importante a calidade que a cantidade, e tamén descobren as xoias de José Manuel, bonsais que son tesouros. En Oza tamén hai fauna autóctona, xa que alí se cría a galiña galega por excelencia. 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: