Vivir aquí
Para ler e falar: Día das Letras galegas
Baixo o título , “Para ler e falar” o programa amosa como se preparan os colexios galegos para homenaxear este ano ao poeta chairego Manuel María e tamén lembra autores clásicos da literatura galega, que tiveron tamén un día para o seu recordo.
Vivir aquí visita o CEIP de Esteiro, en Ferrol, onde os escolares preparan con esmero as actividades especiais organizadas no centro con motivo da festividade que homenaxea a escritores galegos. Fai o mesmo en Cambados, onde os cativos da vila tamén participan con ilusión en traballos e actos conmemorativos.
Tamén vai á Fundación Cultural Otero Pedrayo, que ten a súa sede no antigo pazo familiar da parroquia de Trasalba, en Amoeiro, Ourense. O autor da chamada Xeración Nós, que asinou obras insignes da literatura galega como “Os camiños da vida”, foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1988.
En Celanova, atópase a Fundación Curros Enríquez. Representante do Rexurdimento da literatura galega e un dos seus escritores máis importantes, Curros foi recoñecido no Día das Letras Galegas de 1967, cando se celebraba por quinta vez esta festividade. O programa da Televisión de Galicia lembra ademais nesta vila outro dos seus ilustres veciños e grande das letras galegas: Celso Emilio Ferreiro. O poeta celanovés da “Longa noite de pedra” tivo o seu Día das Letras Galegas en 1989.