CRTVG

Buscar

Alalá

Ouvirmos

06/03/2007 22:05 h

Remontámonos a comezos do século pasado. Nesta época, nunha botica de Pontevedra, xuntábanse un grupo de homes para cantar en galego, un grupo con certo nivel adquisitivo e que só un deles era da aldea. O artífice de todo isto foi o boticario Perfecto Feijóo, que estaba empeñado en dignificar a cultura rural e, despois de anos de ensaio, o grupo Aires d’a Terra grava o primeiro disco en galego no ano 1904.

Curiosamente foron os franceses os que viñeron gravar para promocionar a súa máquina parlante que era o gramófono. Cen anos despois podemos escoitar estas gravacións grazas ó traballo realizado por unha empresa chamada Ouvirmos, unha editora especializada en recuperar material valiosísimo que quedara esquecido en faiados, en coleccións privadas e polo mundo adiante.

As gravacións que agora se publican estiveron tan esquecidas como o propio grupo Aires d’a Terra, a mais importante das agrupacións folclóricas galegas. A primeira de todas e a que marcou a liña a seguir durante todo o século XX.

Ouvirmos rescatou todos estes vellos discos e con eles fixo unha edición de luxo chamada “A Tiracolo”; deste xeito o coro Aires d’a terra, Os Dezas de Moneixas, O coro de Ruada e moitísimos mais volveron a soar. Esta colección chega ás nosas mans con fotos e historias interesantísimas de cada un deles.

Falaremos cos artífices desta empresa: Ramón Piñeiro, o director artístico; José M. Aldea, o produtor executivo e Irene Sineiro a xestora da editorial. Ademais estaremos en Sarria – onde está a sede social de Ouvirmos-, iremos a Barcelona, onde traballa Irene; faremos unha parada en Pontevedra, no Museo Provincial, pero tamén estaremos na Coruña, con Pepe Temprano quen nos amosará a súa colección de discos e moito mais.

O sono de Perfecto Feijoo cumpriuse, el tiña a profunda convicción de que cun Alalá, unha canción de pandeiro e pouco mais tiña dabondo para levar a música galega por todo o mundo. E así o fixo porque o coro Aires d’a Terra tocou en Galicia, Madrid, Portugal e América, ata actuaron diante do Rei.

Na actualidade Ouvirmos e a súa música teñen difusión internacional. O seu traballo coa distribuidora dixital “The Orchard” permítelles que esta música galega estea no mercado global. Así, e sen moverse da casa, un pode mercar un disco de Aires d’a Terra en calquera parte do mundo.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: