CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 79: Os Ánxeles

25/09/2014 22:30 h

O primeiro destino desta nova temporada será Os Ánxeles, a cidade máis poboada do estado de California e a segunda dos Estados Unidos, tras Nova York. Anfitrioa por dúas veces dos Xogos Olímpicos, esta cidade, dentro da que está Hollywood, é líder mundial na creación de producións de televisión, videoxogos, música e cine que triunfan por todo o planeta.

Nos Ánxeles, “Galegos no Mundo” atopará o compostelán Arturo Solar, cuxa paixón pola música fixo que preparara as maletas hai 12 anos. El e o seu inseparable amigo Carlos Rodríguez consideran que alcanzaron o “soño americano”. Con eles o programa paseará pola famosa Beverly Hills, Mullholand Drive e os estudios de gravación East West.

Con Martín Fernández, un deseñador gráfico de Vilalba, o espazo da TVG asistirá a un acto benéfico dos bombeiros da cidade, paseará polo centro dos Ánxeles e gozará coas vistas desde o observatorio Griffith; mentres que Fernando Pereira, que leva 30 anos nos Estados Unidos e é o presidente da Peña Galicia en California, fará de “cicerone” por Hollywood, o seu antigo fogar, e pola cidade-oasis Silver Spring.

“Galegos no Mundo” tamén coñecerá esta noite a coruñesa María Fernández, que decidiu especializarse en animación nunha prestixiosa escola de Hollywood e que acompañará o equipo á sede da Ciencioloxía e aos teatros onde se celebran os Óscar; e o  coruñés Manuel Blanco, que foi estudar Deseño Industrial e Arquitectura aos Ánxeles hai 20 anos e alí quedou.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: