CRTVG

Buscar

Momentos G

Os arquivos son as ferramentas de traballo para xenealoxistas como Helena

11/06/2019 09:22 h

As nosas vidas, todas e cada unha, son verdadeiras novelas de misterio, acción, amor e desengano. A realidade supera calquera ficción. Se non nos cren, pregúntenlle a Helena, xenealoxista, que desde Lugo pescuda nos arquivos de todo o país para encontrar as raíces, as historias ocultas e os misterios das familias. Non hai que ser nobre nin ter un pasado glorioso, todos temos unha orixe que paga a pena coñecer, para entender que e quen forxaron a persoa que chegamos a ser.

Cantas historias gardan os arquivos entre papeis e documentos legais, tamén as nosas. Só hai que saber buscala. E para iso está Helena. De formación xurídica, hai seis anos que cambiou a súa faceta profesional polo que realmente lle gusta, a xenealoxía. Desde Bisagras de Papel, a súa empresa, escaravella, pescuda, a partir só dun lugar, unha data, un nome, para encontrar as historias de vida agochadas nos arquivos. 

Helena cóntanos que unha bisagra dalgunha forma é como a persoa que investigas que se vai abrindo, deixa entrar luz, e ten dúas pólas familiares.  Ela está feliz con este traballo polo contacto directo cas persoas e a sensación de servizo e utilidade que lle dá. 

Os encargos e as motivacións son variados: pedir a nacionalidade, documentar unha herdanza ou, simplemente, regalar unha viaxe ás raíces. Como fixeron Marta e as súas irmás para a súa nai.

Marta aproveitou o cumpreanos de nai para regalarlle a historia da súa familia e a súa nai cre que é o mellor reglo que lle puideron facer. Non cansa de mirar libro e vídeo, emocionada

Mónica Pérez, outro exemplo, encontrou a orixe dun familiar querido.

Estes encargos proviñeron da súa contorna, aínda que decote Helena traballa con descendentes de emigrantes por España adiante ou Hispanoamérica....pero as súas Bisagras de papel voan cada vez máis alto e máis lonxe. Helena investiga agora mesmo para unha familia australiana con raíces en Sarria.

Longas e accidentadas viaxes nas que nunca sabes o que podes encontrar.

Helena di que sempre hai sorpresas e moitas veces hai historias escuras mentres Marta destaca o cariño e respecto que sempre mostrou Helena ca información que ía encontrando e Mónica asegura que se sinte reconfortada trala investigación.

Un conforto que Helena mesma aínda non encontrou, curiosamente, nunha busca particular na súa propia familia, porque as indagacións dun xenealoxista poden rematar nun misterio sen resolver ao topar cos accidentes da historia. Helena ten unha investigación persoal parada ao desaparecer os arquivos nun incendio.

Australia, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, País Vasco, Madrid, Lugo, Sarria... en todos estes lugares viven xa persoas que senten as súas raíces completadas, persoas que redondearon por fin as súas historias de vida para que as xeracións futuras saiban de onde veñen.  

 

 

 

 

 

 

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: