Alalá
O Quiquiriquí
Dende Alalá facemos unha viaxe no tempo que só acontece no Nadal. Para facela necesítase unha máquina do tempo moi especial chamada O Quiquiriquí, creada polos 56 magos da música tradicional galega. Avisade aos nenos da casa para sumarse a esta aventura misteriosa que percorre un Nadal feiticeiro e único por Galicia enteira no espazo, e sobretodo no tempo.
Queredes saber que é O Quiquiriquí? O Quiquiriquí é o Tizón do Nadal, os aguinaldos, o prato dos defuntos, os cantos de Reis ou as Xaneiras. Música e tradición. Tradición e música. Rituais ancestrais de Galicia con cantos que vos farán viaxar ao tempo da infancia. O Quiquiriquí é un docufilm con música que nos traslada aos nadais de fai case un século. Quen se acorda do bacallao de Nadal? E dos Manueles?
Ademais do docufilm, O Quiquiriquí inclúe un CD con 13 cancións do Nadal máis tradicional de Galicia, xogos multimedia e un libro sobre ritos milenarios que se celebraban en Galicia no Nadal máis afastado no tempo.
Unha obra para que aprendan os máis novos e recorden os máis vellos. En definitiva, unha viaxe no tempo nunha máquina que se acende cun refrán de aguinaldo: O quiquiriquí, o quiquiriquí, se non nos dan nada marchamos de aquí.