CRTVG

Buscar

Cultura 10

O mundo dos soños

22/01/2011 15:26 h

Cando se cumpren 125 anos da morte de Rosalía de Castro, escritora do Rexurdimento galego, precursora da poesía moderna e considerada a primeira feminista galega, o equipo de "Cultura 10" únese aos actos de homenaxe da súa figura e obra, con María do Cebreiro recitando pezas súas no ciclo "Ceo das letras" da Cidade da Cultura; visitando a súa casa museo en Padrón da que nos falará a presidenta da fundación, Helena Villar Janeiro; coa escenificación dos fundadores da "Casa Hamlet", Manuel Lorenzo e Santiago Fernández, e co estudo de Pilar G. Negro na Universidade da Coruña titulado "O clamor da rebeldía: Rosalía de Castro, ensaio e feminismo".

Outras citas culturais levan o equipo do programa á exposición en Lugo de "Arte miúdo" (antiga casa restaurada ao estilo berlinés), que acolle un tipo de arte alternativa e máis flexible para que sexa accesible para todos os públicos; á Compañía "Teatro do Atlántico", que cumpre 25 anos, coa obra "Memoria de Helena e María", de Xulio Lago, que se representa no Salón Teatro de Santiago, e tamén se achega ao novo concepto sobre os concertos de música, que integran outras manifestacións artísticas, como pintura e vídeo creacións, para captar máis público, escoitando o artista Muchachito Bombo Infierno, que actúa na sala Capitol co seu espectáculo de leccións de rumboxing, namentres que o pintor Santos de Veracruz realiza un cadro en directo.

Dentro desta mesma órbita xira o grupo de Ponteareas "Colectivo Oruga", que toca e incorpora vídeos musicais nas súas actuacións en directo, cun instrumento moi particular, o theremin. Doutro lado, a reporteira chinesa do programa, Ting Ting, ofreceranos hoxe a súa visión particular de Cea, coñecida como a vila do pan, para logo visitar moi preto dela o mosteiro de Oseira, que alberga a súa primeira exposición de arte contemporánea, "Bosque 3050, de Xurxo Oro, e onde os seus 15 monxes elaboran o licor eucaliptine.

A escritora Luísa Castro entrevistará no seu estudio o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura, que acaba de recibir a Medalla de Ouro concedida polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España, e autor, entre outras edificacións, do Museo de Belas Artes da Coruña e da residencia oficial do presidente da Xunta de Galicia.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: