CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

O mar de Noia nun museo

31/12/2017 15:30 h

“Pescadores de Historias” visita o Museo do Mar de Noia, aberto no ao 2011 e emprazado no edificio da antiga praza de abastos. Todas as pezas que amosa estiveron no seu día cumprindo a súa función no mar. Pero o máis importante é que transmite con paixón unha moi entrañable sensación de alma mariñeira.

A persoa que dirixe o museo é Félix González, que desde moi novo andou no mar, sempre traballando en altura, e chegou a ser capitán de pesca en buques de gran tonelaxe. Sempre tivo a idea de facer algo en Noia que servise para poñer en valor a súa historia mariñeira e cando se retirou do mar puido materializar a súa idea poñendo en marcha o Museo do Mar.

O centro conta con máis de 200 colaboradores, entre os que se encontran José Ramón Carreño, que andou ao mar e hoxe traballa na Escola Náutica de Ribeira, e Ángeles Rial, que traballa na rama sanitaria, pero que ten paixón polo mar por motivos familiares.

O lobo de mar José Ons tamén é un activo colaborador do museo, que traballou no mar de Noia e logo en plataformas petrolíferas. Unha das pezas máis significativas do museo, un dos primeiros motores de gasoil que se fabricaron en Galicia, na fábrica Ayón de Noia, foi doado por el. Outro colaborador é José Ramón García, que foi capitán de pesca e xefe de máquinas, hoxe xubilado, e coincidiu con Félix González navegando xuntos.

O equipo de “Pescadores de Historias” aproveita a súa visita a Noia para degustar o produto máis típico do seu mar, o berberecho, cunha parada no restaurante Ti Manolo, de Antonio Mirón, outro activo colaborador do Museo do Mar de Noia.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: