CRTVG

Buscar

Alalá

O Freixo: gaiteiro de As Pontes

15/12/2009 22:05 h

O protagonista desta noite é O Freixo, natural desta parroquia do concello das Pontes: oitenta anos tocando a gaita.

Un home forte, un supervivinte que soubo facer fronte a tódalas traxedias da vida. O mestre gaiteiro de 91 anos que tivo que superar a morte do seu pai -ardido na casa- e a do seu fillo Abel. Loitou na Guerra Civil, traballou na mina e hai cinco anos enviudou. El apandou con estes reveses e vive a vida con ilusión e unha alegría envexable.

Cando era un neno empezou a facer as súas propias frautas de bieteiro e empezou a tocar a gaita. Daquela cada un aprendía como podía e O Freixo metíase debaixo do palco da música para que lle quedara a melodía na cabeza.

Hoxe vémolo rodeado de xente nova que o admira e lle quere. Con eles vai tocar alá onde o reclamen e deixa pasmado a calquera. Cada venres de foliada pode chegar á casa ás tres ou catro da mañán.

Iso de que ninguén é profeta na súa terra ten os seus matices. Freixo é profeta na súa terra: nas Pontes. Hai dous anos fixeronlle unha homenaxe na que se reflexaba o agarimo co que os ponteses miran ó seu mestre. A súa familia está orgullosísima de telo, de ver a ilusión que lle pon a todo, de seguir rindo co seu grande sentido do humor, con esa retranca fina.

O Freixo é un gaiteiro elegante con todas as da lei, soubo enternecernos, facernos rir e emocionarnos. O que non conseguimos foi que nos dera o segredo para estar así á súa idade.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: