CRTVG

Buscar

Luar

O mellor Entroido galego / Lolita / Marlene Morreau

28/02/2014 22:00 h

O Entroido chega esta fin de semana e o programa “Luar” daralle a benvida a esta festa tan arraigada en Galicia pedindo a colaboración dos seus espectadores para saber cal é a celebración máis valorada na comunidade. Así, coas chamadas do público, o espazo da TVG elaborará un 'ranking' do mellor Entroido de Galicia.

O Entroido trae sempre consigo a festa, a ledicia e a diversión e iso non faltará esta noite no “Luar”. Así, no apartado musical, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro contará coas actuacións da cantante Lolita, da explosiva artista francesa Marlene Mourreau e do tenor asturiano Joaquín Pixán. Tamén subirán esta noite ao escenario o Grupo Garibaldi e a polifacética actriz e presentadora María Mera, que, ademais de falar da súa participación na serie “O Faro”, atreverase coa canción.

Como é habitual, a música tradicional galega non faltará nesta nova edición do programa, que este venres recibirá a visita da Banda de Música de Calo, da Agrupación Folclórica Algueirada e do Coro Tradicional Cantares do Brión.

Por outro lado, a emoción está servida nos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos”, xa que ambos os dous cambian de fase. No primeiro, esta semana haberá que desempatar entre os concursantes Gabi Gómez, Andrea Hermida, Iago Prieto, Denís Rodríguez e Álvaro Rúa para determinar quen son os dous participantes que quedarán eliminados e non poderán entrar na seguinte fase do certame, que comezará a semana que vén, xa con só oito aspirantes.

No tempo de “Recantos”, os espectadores poderán ver as actuacións de Lorena Ferro, representante da comarca de Arousa, e de Patri da Silva, procedente da Mariña. Ademais, dous concursantes quedarán eliminados e só 12 poderán seguir intentando demostrar o seu talento musical.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: