CRTVG

Buscar

Náufragos

O Centoleira de Moaña (xaneiro de 1964) / A Festa do Naufraxio de Laxe (17 de agosto)

22/02/2015 15:30 h

O programa “Náufragos”, que pretende achegarlles aos espectadores un dos aspectos máis determinantes da vida mariñeira e a realidade máis terrible que se pode dar no mundo do mar, tratará esta semana a historia dos náufragos do Centoleira, de Moaña, e falará da Festa do Naufraxio que se celebra en Laxe.

O Centoleira, dedicado á arte da ardora, saía do porto do Berbés o 5 de xaneiro de 1964, rumbo á saída da ría de Vigo, e, ao chegar á altura da boia de entrada do porto de Bouzas, foi abordado polo buque Puente San Andrés, producíndose unha vía de auga pola que o Centoleira se foi a pique en poucos minutos. Dos seus 22 tripulantes, só se salvaron 5. Un deles é o protagonista desta historia, Pedro Fernández, que sufriu o naufraxio con só 15 anos e que perdeu nel o seu pai. Tamén participará o espazo da TVG Manuel Pena, que foi patrón maior de Moaña, e que lembrará o que supuxo para a vila o naufraxio do Centoleira.

A representación do naufraxio forma parte da celebración da Festa do Carme en Laxe, que se celebra cada 17 de agosto. Nesta representación participan mariñeiros da vila que nalgún momento da súa vida tiveron que enfrontarse a esta realidade, como un xeito de agradecerlle á Virxe do Carme terse salvado. Esta escenificación, que ten un alto valor simbólico, é para as xentes mariñeiras de Laxe un modo de gañar valor para enfrontarse ao mar.

Atopar capítulo por: