CRTVG

Buscar

Alalá

O Castriño de Rebordechán

19/02/2008 22:05 h

O grupo “O Castriño” naceu para cumprir un soño. O soño de volver a encher de música as rúas e aldeas da parroquia de Rebordechán, no concello de Crecente. Porque se algo lles gusta aos veciños deste lugar é a música.

A súa banda foi unha das máis coñecidas da bisbarra e, aínda que xa non existe, aínda viven moitos dos vellos músicos, que conservan no peito un irrefrenable desexo de tocar. Un amor pola música co que naceron e que non os vai abandonar nunca.

A banda tería cumprido cen anos no 2007. E nese ano decidiron botar a andar “O Castriño”, un grupo de amigos e veciños entre os dez e os setenta anos. Rapaces que aínda están na escola, amas de casa, xubilados e emprendedores como Ramón Lourido, que creou unha empresa de compostaxe de toxo para poder quedar na terra cando a maioría dos da súa idade se vían obrigados a emigrar.

“O Castriño” colleu o nome do lugar onde se xuntan cada verán, cando volven os que están fóra, para facer un xantar máis que festivo. Da xuntanza dos veciños, das permanentes ganas de festa e do pracer que sinten coa música xurdiu este grupo de instrumentos tradicionais co que non teñen máis pretensión que pasalo ben todos xuntos e tocar cada vez un pouco mellor, como lembran en toda a redonda que facía a mítica banda de Rebordechán.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: