CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

O boliche, arte ancestral (Raxó)

05/11/2017 15:45 h

O boliche é unha arte de arrastre artesanal, pode que das máis antigas de Galicia, que hoxe se traballa preto da costa en pequenas embarcacións, pero a súa orixe foi como unha arte que se traballaba nas praias, tirando do aparello un grupo de persoas, desde o propio areal. 

A confraría de Raxó é a que máis embarcacións ten dedicadas a esta arte en toda Galicia, e disto fálase con Iago Tomé, o patrón maior. Joaquín Míguez acolle no seu barco ao equipo de “Pescadores de Historias” para explicar como se traballa co boliche. Unha combinación entre a arte do cerco e o arrastre, que tamén traballa Moncho Portela. A especie da que trae máis quilos é a lura, pero tamén trae algúns quilos de rincha e algún salmonete. 

Sinda Casais é redeira e ata as redes do boliche, un traballo complexo, xa que, segundo explica, trátase dunha arte onde a rede ten partes distintas, entón para armala hai que estar moi pendentes de que todas as súas partes estean ben dispostas. E de como era o boliche cando se tiraba desde as praias sabe Gonzalo Paz, que xa o facía cando só tiña nove anos. 

E haberá que comer unhas luras do boliche, así que o espazo vai xunto a Andrés Paz, propietario do restaurante Tito Mexillón, no propio porto de Raxó, pero que realmente é un home de mar, polo que segue a tradición familiar e dedícase ás bateas. 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: