CRTVG

Buscar

Luar

O bacallau, con Azúcar Moreno e Malena Gracia

08/05/2015 22:00 h

O programa “Luar” terá este venres un marcado carácter gastronómico, xa que o protagonista da noite será o bacallau. Os espectadores da TVG saberano todo sobre este peixe tan socorrido: como se pescaba antigamente e como se pesca agora, como se salga, os mellores xeitos para preparalo, etc.

Pero non todo vai ser comer, xa que no programa desta semana haberá tamén, coma sempre, moita música, hoxe coa actuación de Azúcar Moreno, as irmáns Encarna e Toñi Salazar, que chegaron a representar a España no festival de Eurovisión. Estas cantantes estremeñas, coñecidas internacionalmente, intrepretarán no “Luar” algunha das súas cancións máis coñecidas, como “Hoy tengo ganas de ti”.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro tamén recibirá a visita da explosiva artista Malena Gracia, que está a preparar novo disco; e do cantante venezolano, afincado nas Canarias, Ricky Furiati, cuxo estilo mestura o pop rock con ritmos latinos, bases bailables e elementos da música urbana.

“Luar” completará a súa proposta musical para esta noite coa presenza no escenario da agrupación folclórica Donaire, do grupo Chulada da Ponte Velha, da asociación folclórica O Son da Fervenza e da formación A Misela.

Por outro lado, os concursantes de “Recantos” vivirán hoxe un momento crucial, xa que 4 deles serán eliminados e só continuarán 8 na loita polo triunfo final. Ademais, hai unha boa noticia para os seguidores do programa, xa que a partir desta semana recupérase o concurso da chamada, que volverá repartir cartos entre os espectadores. Gayoso chamará a un número de teléfono ao azar e se a persoa que contesta é quen de responder correctamente unha pregunta sobre o programa, gañará 500 euros. En caso contrario, iranse acumulando nun bote.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: