CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 72: Nova Zelandia

16/01/2014 22:45 h

  O programa trasládase ás antípodas para coñecer galegas e galegos que teñen a súa vida feita en Nova Zelandia, país insular de Oceanía que se atopa no suroeste do Océano Pacífico, a 2.000 quilómetros de Australia.
 
  Cunha maioría da poboación de ascendencia europea, as súas cidades sitúanse á cabeza do mundo en canto a calidade de vida. A ausencia de corrupción, o nivel de educación, a liberdade económica e os seus índices de desenvolvemento humano e de democracia converten Nova Zelandia no país máis libre e co maior respecto aos dereitos humanos.

   Os espectadores teñen oportunidade de coñecer Mission Bay e de ver a danza maorí no Museo de Auckland da man de José Colmeiro, un profesor de español que leva tres anos en Nova Zelandia. Pola súa parte, Juan Jesús Patiño, que deixou Queiruga (Porto do Son) e por casualidades da vida rematou nas antípodas traballando como xefe de cociña, amosa Whangarei, a cidade máis poboada do norte da illa, e as súas famosas fervenzas.

   Coa pontevedresa Noa Veiga, “Galegos no Mundo” coñece Tauranga, o seu mercado de peixe, o porto e Mount Maunganuí; mentres que o silledense Xosé Filloy, que, despois de namorarse de Nova Zelandia na súa lúa de mel, decidiu volver para quedar, acompaña o equipo do programa ao poboado dos hobbits de “O señor dos aneis”, en Matamata.

   María Rial é unha pontevedresa que casou alí e que agora, cunha familia formada e a súa propia empresa, vive en Auckland, a cidade máis poboada do país. Con ela, os espectadores poden pasear pola zona financeira e subir á Sky Tower.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: