CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

No Intecmar, onde se coida o mar (Vilaxoán)

20/05/2018 15:45 h

Coidar do mar é unha cuestión central na cultura mariñeira, xa que, se non se fixese, os recursos acabarían esgotándose e a economía das familias mariñeiras sería unha reliquia do pasado. “Pescadores de Historias” acode ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, o Intecmar, que se atopa en Vilaxoán, para coñecer como se coida o mar a partir do seu traballo.
O equipo do programa acompaña nunha xornada de traballo a Víctor García, un dos técnicos que fan diariamente a análise dos mexillóns nos diferentes polígonos bateeiros das rías galegas para detectar as diferentes toxinas que pidan ser perigosas para o consumo humano.
Despois da saída ao mar, o espazo da TVG vai ás instalacións de Intecmar, onde agarda a súa directora, Covadonga Salgado, quen explica todo o traballo que se fai neste organismo, que basicamente é o coidado da calidade das augas de toda a costa galega e loitar contra a contaminación.
X.H. Rivadulla Corcón tamén fala con Garbiñe Ayensa, que loita contra a contaminación accidental do mar, poñendo en práctica medidas de prevención e actuando en caso de que un accidente provoque algún tipo de contaminación, e visita o laboratorio de Susana Darriba, que traballa na detección das enfermidades dos moluscos, crucial para o desenvolvemento do sector marisqueiro.
Ademais, “Pescadores de Historias” está coas dúas mulleres que máis tempo levan traballando no Intecmar: Adela López e Milagros Madriñán, que gardan a chave da memoria do tesouro humano deste centro. Contan como foron os primeiros tempos de Intecmar, que naceu con poucos recursos, pero que hoxe é un laboratorio de referencia en toda Europa.
Como é habitual, “Pescadores de Historias” despídese con acento gastronómico, nesta ocasión, cuns mexillóns con tomate preparados no bar Puerto de Vilaxoán por Ramona Armas.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: