CRTVG

Buscar

No bico un cantar

Negra sombra

15/01/2013 22:15 h

Programa dedicado a “Negra Sombra”, a canción galega con máis versións.

Desde o mesmo momento da súa estrea, no Gran Teatro da Habana en 1892, converteuse no maior éxito da nosa música. O segredo do seu triunfo reside na mestura da letra dunha poeta xenial, Rosalía de Castro, coa partitura doutra gran figura das nosas artes, o compositor Xoán Montes, que consegue que música e letra semellen feitas a unha para a outra.

Se Rosalía é admirada e recoñecida, apenas sabemos nada de Montes, a pesar de ser o xenio musical máis premiado da historia de Galicia pola cantidade e calidade das súas composicións, que manteñen o espírito da tradición musical galega, das pezas populares que el mesmo recollía.

No terceiro capítulo de “No bico un cantar”, os espectadores descubrirán o que quixo dicir Rosalía con estes versos tan tristes e ambiguos e saberán máis da súa enigmática vida e da figura do compositor Xoán Montes. Ademais, o programa presentado por Arturo Fernández preguntarase se, a fin de contas, todos temos unha negra sombra, mentres soan distintas versións da peza interpretadas por Luz Casal e Carlos Núñez, Amancio Prada, Abe Rábade, Emilio Rúa, Xavier Blanco, o Cuarteto Egeria, integrado por músicos da Real Filharmonía de Galicia, e outros artistas entregados á beleza desta canción.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: