CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

Nas rochas que bate o mar (Aguiño)

10/06/2018 15:45 h

O percebe esperta sempre moito sentimento de orgullo nos portos onde se traballan. Para todos o seu percebe é o mellor. Pero para “Pescadores de Historias” o máis importante é o percebeiro e a percebeira, e aínda que toda a costa galega é mar de bos profesionais, o programa lévanos esta vez a Aguiño, un porto onde se atopa un destacado colectivo. 

Aguiño, na ría de Arousa, ten no percebe o recurso máis destacado da súa confraría e a súa lonxa é a que máis percebe comercializa de Galicia: anualmente pasan das 30 toneladas de percebe e traballan este recurso 180 homes e mulleres. E a súa festa do percebe destaca entre todas as festas gastronómicas de Galicia. O traballo do percebeiro é un dos máis arriscados do mar, porque traballa na rompente, onde o mar case nunca descansa.

“Pescadores de Historias” vai ás rochas percebeiras para falar con Concha Ramallo, coa súa filla Miriam Paz, con Ciprián Parada e con José Caneda. Tamén conversa con Andrés Monteagudo, que cando era patrón maior puxo en marcha a Festa do Percebe. Para degustar o produto, o programa acode xunto a José Luís Fernández, propietario do restaurante Faro de Sálvora.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: