CRTVG

Buscar

Vivir aquí

"Moito por descubrir"

21/06/2014 16:15 h

O programa “Vivir Aquí” da Televisión de Galicia ofrece na súa edición deste sábado cinco reportaxes doutras tantas rutas temáticas, baixo a epígrafe “Moito por descubrir”. Así, os reporteiros escolleron a ruta dos faros da Costa da Morte, onde as bravas paisaxes oceánicas se mesturan coas lendas das xentes do litoral; unha ruta naval por Ferrolterra onde o viaxeiro descobre moitas construcións defensivas -xa en desuso- que fixeron de salvagarda diante dos posibles invasores; tamén outro dos equipos de “Vivir Aquí” non dubidou en percorrer a península do Barbanza tras unha ben denominada “ruta da conserva”, visitando factorías de onde sae un dos produtos galegos máis valorados no mundo enteiro.

Completan esta edición de “Vivir aquí” dous percorridos máis, un pontevedrés e outro lucense. O pontevedrés fai mención á “ruta dos muíños”, desde o concello de Barro, visitando estas construcións rurais tan coñecidas e usadas noutros tempos. Destacan aquí os do río Barosa, que ten un treito en que compaxina os muíños a carón de espectaculares fervenzas. Por último, a “ruta lucense do mel” achegarase ata a distante Quiroga, onde aínda o mel segue a ser un emblema de calidade e mantén as saudables propiedades de sempre. Nesas terras montesías do baixo Courel aínda quedan algunhas albarizas, rústicas construcións circulares, que protexían o mel da cobiza larpeira dos osos.

Atopar capítulo por: