CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Melide

22/11/2014 15:45 h

O programa “Aquí Galicia” ofrecerá a súa edición deste sábado en directo desde o Cantón de San Roque de Melide, localidade coruñesa situada no centro de Galicia e moi vinculada ao Camiño de Santiago. De feito, está nunha encrucillada de camiños, xa que no centro da vila crúzanse o Camiño Francés e o Primitivo. O espazo da TVG visitará o albergue de peregrinos de Melide para coñecer as pegadas na localidade das peregrinacións a Compostela.

“Aquí Galicia” coñecerá tamén a campaña de dinamización do comercio local “Melide Moda”, en que as redes sociais son o escaparate para achegarlle a oferta do sector á xente nova, a que máis adoita resistirse ao comercio tradicional. A Asociación de Empresarios de Melide, responsable desta iniciativa, ofrecerá un pase de lencería e outro con roupa de festa, para que os espectadores poidan ir tomando nota de cara ás festas de Nadal que se aproximan.

Por outro lado, o programa presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez contará coa presenza de representantes do que, sen dúbida, é un dos clásicos do verán en Melide: o Festival Galego da Terceira Idade. A Miss Marchosa, a Miss Fotoxenia e o Míster da última edición explicarán a súa experiencia no certame. Ademais, se o tempo o permite, ofrecerase unha exhibición de andadura de cabalos, a cargo da Asociación O Bocelo.

Pero a verdadeira protagonista do programa será, sen dúbida, a gastronomía de Melide. “Aquí Galicia” contará cunha degustación do queixo galego por excelencia, o da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, de sabor suave e textura cremosa. Ao longo do programa prepararase tamén polbo en directo, xa que Melide é, xunto ao Carballiño, un dos lugares de Galicia onde este cefalópodo ten máis sona e mellor se elabora. Ademais, o programa achegarase á ampla e rica repostaría da zona, que en moitos casos se segue a realizar de xeito tradicional. Os melindres, os ricos e os amendoados son os produtos que mellor recollen a esencia da tradición da zona, como queda de manifesto cada ano na Festa da Repostaría da Terra de Melide.

Coma sempre, o magazine dos sábados á tarde da Galega ofrecerá moita música, desta volta a da cantante Tania Veiras, a orquestra Palladium, o grupo Tennessee, un clásico da movida musical dos anos 80, que interpretará o seu famoso tema “Ramala-din-don”, a Banda de Gaitas Terra de Melide, o grupo de música tradicional Herba Grileira e o grupo de baile O Bringuelo. 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: