Matalobos

Matalobos. 3ª tempada. Cap. 49: "Todo segue igual"

04/10/2011 - 22:30 h
Compartir en Facebook

Despois de que o home máis poderoso da Sardiñeira, Carmelo, pasase un tempo no cárcere, a Galega estrea hoxe a terceira tempada de “Matalobos” co capítulo “Todo segue igual”, en que o xefe do clan queda libre e comproba como cambiou o seu mundo e o da súa familia. Nun escenario con novos personaxes e tramas, a serie de intriga policial dá un paso máis alá na loita entre narcotraficantes e Garda  Civil, unha loita que arrancou nas descargas das praias e que agora se traslada aos portos.

Para os habitantes da Sardiñeira pasaron cinco anos desde que Carmelo ingresou en prisión e agora que recobra a liberdade, o narcotraficante deberá poñerse ao día se quere quitarlle o poder ao clan dos Veloso que reina agora na Sardiñeira: perdeu o pazo familiar, agora en mans de Mateo Veloso e a muller, Vanesa Viaño, pais dun bebé chamado Sindo; e a nai, dona Carme, viuse obrigada a mudarse a un humilde piso na cidade.

Nesta nova tempada, a ficción contará con moita máis carga de acción, de feito a Garda Civil traballa en novos operativos antidroga, precisamente para desactivar unha operación en que parece estar involucrado o clan dos Veloso. A partir de agora os Matalobos e os Veloso van vivir un novo enfrontamento polo poder, o que Mateo non quere perder e o que Carmelo quere recuperar.

Respecto do posto da Garda Civil tamén sofre cambios, cos axentes Táboas, Mosteiro e Seijas ascendidos e decididos a resolver unha cuestión persoal para todos eles: os corpos sen vida de Marcos Matalobos e Sara Campos aínda sen aparecer.

Valoración
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí.