CRTVG

Buscar

Alalá

Maruxa das Cortellas

10/10/2006 22:05 h

Din os entendidos da música tradicional que non hai ninguén en Galicia que toque o pandeiro como o fai María Grande Sobral, máis coñecida como Maruxa das Cortellas. Ela non entende como non hai máis xente que saiba tocalo, ou que saiba acompañala cunha pandeireta, ou cantar as cantigas de sempre. Di que así non hai quen faga festa, alomenos festas como as que coñeceu ela, como aqueles seráns nos que aprendeu a tocar, cando tiña dez anos, escoitando ás mulleres maiores.  

Hoxe ten 73 anos e segue vivindo nas Cortellas de Soutomaior, onde naceu. Vive co seu home, Marcelino, que pasou moitos anos embarcado por augas do Brasil e co que tivo tres fillos. Os fillos están fóra e a vida de Maruxa e Marcelino transcorre entre os traballos do campo, o coidado dos animais e a convivencia cos trinta veciños que aínda quedan nas Cortellas.

Neste Alalá veremos cómo é a vida desta parella chea de vitalidade. Cómo é o seu día a día nunha época na que sobran os traballos, coincidindo coa vendima e coa colleita do millo, e ademais cunha das festas mais importantes da zona, a da Virxe da Peña de Francia.

Falaremos con Maruxa, verémola bailar e cantar e, sobre todo, teremos a enorme sorte de escoitar con que mestría toca o pandeiro esta muller, unha das poucas persoas que aínda sabe facelo en Galicia.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: