CRTVG

Buscar

Alalá

Manuel Viqueira

06/02/2007 22:05 h

Desta volta imos coñecer a un dos mellores gaiteiros de Galicia: Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde. Coñecido en toda a comarca de Ordes desde que, con 11 anos, comezara a percorrer as romarías levando a maxia e a alegría da súa música.

Manuel ten agora 77 anos e segue cheo de forza e de proxectos: é capaz de tocar horas e horas sen cansarse, mentres ve como se van esgotando os músicos e os bailadores, e ademais acaba de gravar un disco, algo que nunca imaxinara.

Din os que saben disto que Manuel é único porque ten un xeito de tocar, o que se coñece como “tocar pechado”, que antes era moi frecuente pero que agora xa ninguén domina. E que ademais, conserva moi ben o repertorio propio da súa zona facendo uns picados e uns trinos que distinguen a súa música da de calquera outro gaiteiro.

Manuel é un home simpático e falador, ao que lle encanta contar os centos de anécdotas atesouradas ao longo de toda unha vida tocando de festa en festa. Anos de diversión pero moi duros, nos que chegaba a camiñar ata 40 quilómetros para ir tocar, e nos que apenas lle quedaba tempo para o descanso. Nos que volvía de facer a función ás catro da mañá e ás oito tiña que estar amasando cemento como peón da construcción, ou encofrando. Gañaba un salario escaso que a gaita axudaba a facer un pouco maior, e que era necesario para criar aos catro fillos que tivo con Carme, a súa compañeira de toda unha vida.

A vida dun gran gaiteiro orgulloso de selo e apreciado por todos os que o coñecen desde mozo, que ven chegar a Manuel e ven chegar a festa e as mellores lembranzas da súa xuventude. Unha mocidade na que el di que, a pesar de todo, a xente o pasaba mellor que agora.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: