CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

Lourizán, o mar que permanece

19/11/2017 15:45 h

“Pescadores de Historias” viaxa ata Lourizán, que ten unha alma mariñeira inmensa, en contraste co seu pequeno porto. Aquí o xeito de amar o mar está relacionado co amor pola lugar do mundo onde viven, para que siga sendo un enclave mariñeiro, especialmente marisqueiro. Homes e mulleres que non conciben a vida sen estar en contacto permanente, neste caso, co mar da a ría de Pontevedra.

Para coñecer máis deste porto, o programa está cunha apaixonada polo seu mar, a patroa maior Mari Carmen Vázquez, que traballa de mariscadora e pon un enorme entusiasmo tanto no traballo no marisqueo coma exercendo de patroa maior. Leva 21 anos de mariscadora, polo que este mar de Lourizán non ten segredos para ela, e como patroa maior un dos seus retos é visualizar o traballo da muller no mar, xa que Lourizán é unha confraría onde traballan maioritarimente mulleres.

X. H. Rivadulla tamén se encontra coa mariscadora María Eugenia Graña, que leva traballando desde moi nova. Ela viviu a evolución deste oficio, desde os tempos en que non estaba regulado ata hoxe, e aprecia moito as vantaxes que trouxo a regulación, xa que agora se traballa de xeito máis racional e cóidanse moito máis os recursos marisqueiros garantindo o futuro. Ademais, Fernando Cordeiro e Carlos Vázquez, que traballan nos fondos desta ría, falan da técnica de extracción da ameixa mediante o mergullo.

E, para xantar, o programa vai ver a Zoila Santiago, que foi de nena ao marisqueo coa súa nai, que segue exercendo o oficio, pero ela na actualidade montou o restaurante O Rincón de Zoila, onde os pratos principais son a base de peixe e mariscos da ría de Pontevedra. A cociñeira do restaurante, Gena Veiga, prepara os produtos máis representativos do mar de Lourizán, ameixas e navallas, que fai á prancha, porque se di que, pola boa calidade que teñen estes mariscos, o mellor é “disfrazalos” o menos posible, para apreciar mellor a pureza do seu sabor.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: