CRTVG

Buscar

Eirado

Álex Ávila / Darío Xohán Cabana / Xosé Carlos Caneiro / Música de "Radio Cos"

09/06/2013

Entrevista ao compoñente do grupo folk Xacarandaina, Álex Ávila, que fala dunha iniciativa para lograr que a Unesco recoñeza a danza tradicional galega como patrimonio inmaterial da humanidade. Este proxecto no seo de XOC, unha agrupación de bandas que inclúe a Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos,  nace para dar visibilidade a unha cultura tradicional galega que, ano a ano, ten mellor acollida.

Outro convidado é o escritor e membro da Real Academia Galega Darío Xohán Cabana, quen volve traducir o “Cancioneiro, seguido das rimas dispersas” de Petrarca 24 anos despois da súa primeira versión do “Cancioneiro”, texto que influíu poderosamente nos escritores do continente europeo.

O escritor Xosé Carlos Caneiro tamén visita “Eirado” para falar de “A máscara de Ulises”, un libro que recolle algúns dos seus contos máis representativos, pertencentes a diversas épocas e conformacións estilísticas e que está publicado por Galaxia.

Mon Santiso acompaña ao escultor Alfonso Rivero de Aguilar no seu obradoiro, un artista que traballa coa ductilidade dos distintos soportes, extraendo formas en que a natureza é a súa inspiración máis importante.

No espazo destinado ao cine, “Un amigo para Frank”, filme que trata a integración dos robots no mundo humano nun futuro non moi afastado.

Música do grupo Radio Cos, uns pandeireteiros de sona, Xurxo Fernández e Quique Peón, que souberon facer evolucionar a música galega tradicional combinándoa con diversos estilos.

Reportaxe sobre a nova webserie do compostelán Javi Camino, “El viudo quiere mimos”, unha historia escrita e protagonizada por Enrique Lojo que ten tanto de humor negro como de drama  posromántico.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: