CRTVG

Buscar

Eirado

José Ángel Valente e Sergio Pazos

06/11/2010

O programa "Eirado" achegarase esta noite á figura do poeta e ensaista ourensán José Ángel Valente, do que este ano se cumpriu o décimo aniversario do seu pasamento. O espazo da tvG2 trazará unha semblanza dun dos poetas máis importantes da literatura de posguerra e máis grandes en lingua galega do século XX.

Para afondar na obra de Valente, que dez anos despois da súa morte segue gozando de completa vixencia, "Eirado" contará hoxe coa presenza do poeta Claudio Rodríguez Fer, director da cátedra da Universidade de Santiago que leva o nome do ourensán.

O presentador de "Eirado" tamén entrevistará hoxe ao actor Sergio Pazos, quen falará do seu libro "Diario de un hombre politicamente incorrecto", onde se atrave con todo e disecciona o día a día sen paños quentes nin concesións ao sentimentalismo. Pazos tamén falará da súa nova proposta escénica, "Maté a un tipo", comedia negra onde comparte cartel con Tonino Guitián.

No tempo que cada semana lle dedica ao cine, o programa dará conta da presenza de Luís Tosar no Festival de Cine Europeo de Sevilla para presentar a película británica "Mr. Nice", onde comparte protagonismo con Elsa Pataky. Moncho Lemos e Ángel Suanzes tamén comentarán o filme "Vivir para siempre", un drama optimista de Gustavo Ron sobre os nenos con leucemia; e achegaranse ás estreas do thriller "Agnosia", con Eduardo Noriega e Bárbara Goenaga como protagonistas; e da película "Salidos de cuentas", con Robert Downey Jr.

A música en directo será, como sempre, outra das propostas de "Eirado", que contará coa actuación da cantante do Incio Lucía Pérez, quen interpretará temas do seu cuarto disco, "Dígocho en galego".

Atopar capítulo por: