Galegos no mundo
Programa 88: Irlanda do Norte
O percorrido do programa “Galegos no Mundo” polos lugares do planeta onde viven e traballan compatriotas fai parada en Irlanda do Norte, un territorio pertencente ao Reino Unido que conta con máis dun millón e medio de habitantes, máis da metade da poboación de Galicia.
En Irlanda do Norte, o espazo da TVG atópase con Lourdes Pérez, da Pontenova, en Lugo, que quedou sen traballo en Galicia e decidiu procurar novos horizontes. Con ela “Galegos no Mundo” visita o centro da capital, Belfast, e os Botanical Gardens.
Pola súa parte, Manolo Torres, que marchou da Armenteira con 16 anos, amosa o hotel onde traballa, un dos máis espectaculares da cidade, para coñecer de primeira man a boa reputación que ten Belfast como destino turístico nos últimos anos; mentres que a ourensá María González, que traballa de administrativa para o sistema de saúde británico, descóbrenos Derry, a cidade onde se viviu o peor do conflito norirlandés e que hoxe se pode visitar seguindo os incribles murais que alí quedaron lembrando os feitos.
Outros dos protagonistas é o coruñés José Enrique, que dá clases de judo en Lisburn, a terceira cidade de Irlanda do Norte; e Patricia Lamas, unha ourensá que, despois de acabar Xornalismo, escolleu Belfast para buscar unha oportunidade e que, polo momento, está a vivir unha grata experiencia.