CRTVG

Buscar

No bico un cantar

Himno galego

18/01/2014 20:30 h

 "No bico un cantar" inicia unha nova andaina cun programa dedicado a unha peza moi especial na música galega: o himno. Sábese que o autor da letra foi Eduardo Pondal e que a composición da música correu a cargo de Pascual Veiga, pero que máis se sabe do himno? Neste programa, os espectadores descubrirán onde, como, por que e para que se creou.

 Para coñecer a orixe do himno galego, que forma parte do poema “Os pinos” de Pondal, hai que remontarse á Cuba de comezos do século XX, onde un galego emigrante, Xosé Fontenla Leal, tivo a idea de unir o talento de Pondal e Veiga para compoñer o que hoxe en día é o canto identificativo dos galegos e que se estreou na Habana o 20 de decembro de 1907.

 Numerosos estudosos e persoeiros da cultura galega darán varias claves para entender esta peza, ademais de poñer de relevo algún aspecto misterioso da súa letra. Así, o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro contará como o himno se perpetuou ao longo da historia con algúns erros, mentres que Xosé Neira Vilas falará dos sentimentos espertados nalgúns galegos ilustres a primeira vez que o escoitaron. Xosé Luís Méndez Ferrín, Maximino Zumalave, Fernando López Acuña e Marica Campo tamén darán a súa visión de distintos aspectos do noso himno, desde os misterios do seu significado ata as visións máis persoais.
 
 Ademais, no programa poderanse escoitar varias versións inéditas do himno, que irán desde o gospel ata a típica gaita galega, que farán que os espectadores sintan toda a beleza dunha canción escrita hai máis dun século pero que conserva todo o seu poder para emocionarnos e para facernos sentir parte dunha terra, Galicia.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: